Unha vez rematado o compromiso contractual con Philips-Fonogram e, en consecuencia, xa sen a presión de ter que entregar un disco por ano, tomamos a futura gravación con máis calma, unha calma relativa, pois o ritmo de actuacións non decaeu e tampouco a dificultade de concilialas coas obrigas laborais de cada un. Non eran moitas as datas libres de recitais ao longo do ano, e as poucas que quedaban libres aproveitabámolas para ensaios e para ir preparando temas novos.
Considerando a oportunidade de apoiar unha iniciativa fundamental para un axeitado desenvolvemento da música do país que non nos fixese depender dos intereses comerciais das discográficas de Madrid, desta vez eliximos a discográfica acabada de crear Ruada, S. A., fundada na Coruña en 1979 coa pretensión de normalizar e aglutinar a produción musical do momento, que en dous anos escasos conseguira un amplo catálogo.
Así, 1981 ve nacer o noso quinto traballo: Quen a soubera cantar, gravado a finais de 1980 en Madrid, no estudio AUDIOFILM (aínda faltaba para dispor de estudios de gravación profesionais en Galicia).