UNHA RETIRADA Á PROCURA DE TEMPO E ACOUGO
Tras a edición de Noutrora, seguen anos cun frenético ritmo de traballo por mor das múltiples actuacións fóra de Galicia e a apertura cara a novos circuítos.
Tras a edición de Noutrora, seguen anos cun frenético ritmo de traballo por mor das múltiples actuacións fóra de Galicia e a apertura cara a novos circuítos.
Tras a edición de Noutrora, seguen anos cun frenético ritmo de traballo por mor das múltiples actuacións fóra de Galicia e a apertura cara a novos circuítos. Se ben non acometemos a realización de novos discos, si proseguimos de maneira continuada cos concertos, incorporando novas cancións.
Nestes anos actuamos nas grandes festas de todas as cidades galegas –en 1983 na Praza da Quintana de Santiago de Compostela con motivo das festas do Apóstolo; en Pontevedra nas festas da Peregrina; na Praza Maior de Ourense; na Praza de Armas de Ferrol; na Praza de Santa María de Lugo no San Froilán; no Festival de Pardiñas; en 1984 e 1985 na Festa do Queixo de Arzúa; no I Encontro de Música Popular de Vilardemouros (1985) en Portugal; en 1986 no Festival Celta do Morrazo e no Festival Folk Terra Chá en Vilalba; en 1987 na festa da Carballeira de Zas, entre outras moitas.
E, entre as numerosas viaxes fóra do país, visitamos Durango (1983), con motivo dunhas inundacións na vila; Sestao e a Universidade Popular de Xaén (1985), Eibar (maio 1986), Porto (novembro 1986), Coímbra (outubro 1987), Vilar de Mouros (agosto 1988); o colexio maior San Juan Evangelista de Madrid (febreiro 1985, un concerto gravado e retransmitido posteriormente por Radio 3), importante centro cultural durante a Transición; Cornellá (1986), onde participamos na Festa das Letras Galegas, ou Londres (1989).
(Toque para ampliar)
Tamén estivemos o 31 de agosto de 1985 no histórico festival de homenaxe «Galiza a José Afonso», celebrado no auditorio do parque de Castrelos de Vigo, onde compartimos escenario con moitos artistas e poetas galegos e portugueses, con representación de Timor Leste e Mozambique.
Son anos nos que nos sumamos a unha chea de actos de protesta. Sirvan de exemplo as actuacións na Praza Maior de Lugo en xullo de 1983 contra os vertidos nucleares da Fosa Atlántica; no Pavillón de Riazor da Coruña (xuño de 1983 e xuño de 1984) para apoiar as persoas discapacitadas; ou en Navia de Suarna, en outubro de 1985, no marco dun festival organizado en protesta contra a construción dun encoro no val.
En 1989 acudimos ao Festival de Agapito Marazuela, en Segovia, na que sería, naquela altura, a nosa última actuación pública. A partir desa data permanecemos nun prolongado silencio, dando por rematada unha época da nosa extensa traxectoria artística. Atrás quedaron moitos anos de fecunda actividade por lugares, aldeas, vilas e cidades de Galicia e alén das súas fronteiras nas que gozamos do privilexio do referendo popular e de sermos expoñentes do estadio de conciencia dunha Galicia que sentía reflectidos nos nosos cantares un anaco da identidade negada, do cerne da súa fasquía espiritual como pobo.
Os motivos da nosa retirada cómpre buscalos na imposibilidade de compatibilizar as nosas vidas persoais e profesionais co tempo e dedicación que, cada vez máis, esixía a formación. Porén, ao longo da década dos 90, rompemos ocasionalmente o noso silencio.
Así, o 8 de maio de 1993 reaparecemos para actuar na Festa Labrega de Láncara (Lugo), organizada polo Sindicato Labrego Galego, co gallo da celebración da supresión da «cota empresarial agraria», longa loita do mundo rural do que sempre nos sentimos partícipes. O mesmo aconteceu en maio de 1997, en Lugo, para celebrar o vixésimo quinto aniversario da Asociación Auxilia, coa que mantivemos unha longa colaboración.