En 2002, La Voz de Galicia edita Na memoria dos tempos, un disco que presenta a singularidade de ser posto á venda canda o xornal, a un prezo de 3,95 euros, e que contou coa distribución de máis de 20.000 copias nun só día.
O traballo recolle 6 temas, todos eles romances e melodías de cancioneiros tradicionais: «A romeira», tomado do cancioneiro de referencia de Casto Sampedro, cunha estrutura na que prima a repetición e no que mediante os arranxos se introduce a variedade musical; «Foliada de Ribadeo», peza que procede do cancioneiro de Xesús Bal y Gay; «Malveliña», romance recollido por Moncho e Tereixa en Taboada (Lugo); «O cabaleiro», tamén enriquecido cos arranxos para introducir unha maior variedade; e «Ancares», peza recollida en San Román de Cervantes polos alumnos de Antón Castro, con arranxos instrumentais e vocais, e que remata coa foliada de Torrente, do repertorio do señor Cobas, gaiteiro de Conxo, tomada de Xoán Bello Mallou. Así mesmo, o disco inclúe o tema «Danza dos namorados», unha peza instrumental que non ten orixe tradicional, senón que se trata dunha composición de Miguel Lustres.
Ademais desta colaboración, no disco participan tamén como convidados Santiago Cribeiro e Yury Sidar (acordeón), Rodrigo Romaní (arpa), Segundo Grandío (baixo), Oleg Djevelo (clarinete), Anatoli Kadacnikov (contrabaixo), Mikhail Chkil (frauta traveseira), Marcos Galán (óboe), Liñaceira e Xaneco Tubío (pandeiretas), Carlos Castro (percusións) e Cristina Nogueira (violoncello).
Na memoria dos tempos serviu ademais para protestar contra a catástrofe do Prestige, motivo que preside a súa portada, de aí que participásemos no concerto expansivo organizado o 1 de febreiro de 2003 por iniciativa do colectivo dos profesionais da música e no marco de protestas organizadas polas plataformas Burla Negra e Nunca Máis para manifestaren a súa indignación polo acontecido e a pésima xestión do Goberno do Partido Popular. Tal iniciativa consistiu en múltiples concertos simultáneos que tiveron lugar nesa data por todo o país, no que se converteu na xornada musical máis intensa na historia de Galicia: participaron máis de 129 locais e grupos do panorama musical galego. Nós realizamos senllas actuacións en Brión e Bertamiráns.