Chegamos así a 1978, ano no que sairá ao mercado o noso terceiro disco, Sementeira, o cal supuxo un punto culminante na nosa traxectoria que se traduciu nun maior incremento de actuacións dentro e fóra do país e nun asentamento máis que considerable da nosa presenza social e musical.
Coma os dous discos anteriores, Sementeira gravouse nos estudios da discográfica Philips-Fonogram en Madrid, no escaso prazo de cinco días, tamén coa dirección musical á cargo de Joaquín Laría. A novidade foi a incorporación de Olga Ceide. Tamén é de xustiza destacarmos que no tema «Melra, melriña», Amable Moscoso, condutor e técnico de son, encargouse de facer o chiar da merla, cun resultado asombroso; a todos os efectos foi un membro máis do grupo naquela época.
O disco contén 12 temas: catro musicados por Mini («Sementeira» con letra do xornalista Luís Álvarez Pousa; «Cantiga de Amigo», con letra de Xoán do Requeixo; «Melra, melriña», cuxa letra tamén é de Mini, igual que «Cara á liberdade»); catro enteiramente populares («Foliada de Olas», «A Carolina», «Pandeiretada» e «Muiñada»); e outros catro con música popular e letras de autor («Alalás», con letra de Leiras Pulpeiro e Mini; «Cantiga para unha antroidada», con letra de Mini e popular; «Cantar de cego II», cunha letra dada a coñecer na publicación O Tío Marcos da Portela que dirixía Valentín Lamas Carvajal e posiblemente da súa autoría; e, por último, «Muller», con letra de Marica Campo, arredor da emigración, que inaugura unha longa e frutífera colaboración coa escritora.
Tanto «Sementeira» coma «A Carolina» convertéronse axiña en verdadeiros éxitos populares e asentáronse de vez no imaxinario musical galego. En «Sementeira» reflíctese ás claras a resistencia social e cultural e a esperanza no futuro: