MÁIS SOÑOS E CANCIÓNS PARA UN PAÍS
A partir do espectáculo Terra de soños, continuamos a colaborar en diferentes iniciativas puntuais.
A partir do espectáculo Terra de soños, continuamos a colaborar en diferentes iniciativas puntuais.
A partir do espectáculo Terra de soños, continuamos a colaborar en diferentes iniciativas puntuais.
En 2010 achegamos a canción «Camiño de romaría» ao disco Cantigas do Camiño, un romance anónimo adaptado por Pedro Lucas e musicado por Xoán Fuertes, coas colaboracións de Roi Adrio (percusión), Simón García (contrabaixo) e Benxamín Otero (óboe, corno inglés), e as mesturas de Arturo Vaquero (Abrigueiro Estudios).
En 2012 regravamos os temas «Cantiga das Encrobas» e «O aradiño» para incluílos no libro A terra sabe a loita. Testemuño de rebeldía labrega, de Emilio López Pérez (Milucho), publicado pola Fundación Bautista Álvarez. O motivo de volver gravalos explícase polo feito de que non eramos os posuidores dos dereitos, pois a licenza das primeiras gravacións pertencía á discográfica Fonogram (agora Universal). Posteriormente, cedemos os dereitos destas novas versións á Fundación Manuel María.
En setembro de 2013 acudimos a Outeiro de Rei para estarmos presentes na inauguración da Casa Museo de Manuel María, e actuamos en directo na horta da institución, interpretando un repertorio que acolleu temas a partir dos poemas do escritor.
Son así mesmo habituais as nosas homenaxes musicais ás figuras homenaxeadas co gallo do Día das Letras Galegas.
Deste xeito, en 2014 colgamos na rede, de xeito gratuíto, unha nova versión de «Penélope», poema de Xosé María Díaz Castro musicado por Xoán Fuertes. A súa adaptación recolle un recitado do propio Díaz Castro, cedido por deferencia de Xulio Xiz. Para esta ocasión, contamos con Xosé Lois Romero no acordeón; Alejandro Masafret «Masa» no baixo; e con Roi Adrio na percusión. O vídeo foi dirixido e realizado por Melania Freire Vázquez e Hadrián Gómez Vázquez.
Con motivo da celebración do Día das Letras 2016, dedicado a Manuel María, publicamos un sinxelo co tema «Galicia», con música de Suso Vaamonde e letra do escritor homenaxeado e arranxos de Xoán Fuertes. Na gravación, realizada en Abrigueiro Estudios, contamos coa colaboracións do cuarteto Saiva Nova, integrado por Fernando Docampo (concertino), Iván Novo (violín), Sergio Sieiro (viola), Rosalía Vázquez (violoncello), ademais de Simón García ao contrabaixo. Do vídeo encárgase Unitaria de Compostela.
No ano 2018, a celebración do Día das Letras recoñeceu a traxectoria da escritora María Victoria Moreno, e con tal motivo musicamos o seu poema «Lúa de prata», un traballo de Xoán Fuertes. Na gravación, de novo en Abrigueiro Estudios, participaron Roi Adrio (percusións), Simón García (contrabaixo), Adrián Valdés (fagot) e Miguel Díaz (clarinete). Da sesión de vídeo e montaxe responsabilizouse Manuel Lucas, e da cuberta do vídeo, Melania Freire.