Co elemento engadido da utilización do idioma de seu, perseguido polo réxime, Cataluña verá nacer a NOVA CANÇÓ, co grupo ELS SETZE JUTGES, fundado en 1961 por Miquel Porter i Moix, Remei Margarit e Josep María Espinàs, como pedra angular. O círculo foise ampliando gradualmente coa incorporación de artistas como FRANCESC PI DE LA SERRA, GUILLERMINA MOTTA, MARIA DEL CARME GIRAU, JOAN RAMON BONET, JOAN MANUEL SERRAT, MARIA DEL MAR BONET, LLUÍS LLACH, RAFAEL SUBIRACHS ou o cantautor valenciano RAIMON, seguramente o principal expoñente da canción política en España. Mentres, no País Vasco xurdía a EUSKAL KANTAGINTZA BERRIA (con BENITO LERTXUNDI ou MIKEL LABOA).
No que respecta a Galicia, entre o máis representativo nestes anos pola súa actitude combativa coa situación políticosocial, aparece o colectivo VOCES CEIBES, activo entre 1968 e 1974 e claramente inspirado nos cataláns Els Setze Jutges ou os vascos Ez Dok Amairu, ao que pertencían, entre outros, VICENTE ARAGUAS, XERARDO MOSCOSO, BENEDICTO, GUILLERMO ROJO, e membros posteriores como SUSO VAAMONDE, MIRO CASABELLA ou BIBIANO, que acabaron desenvolvendo a súa carreira en solitario.
Ademais, a finais dos sesenta e primeiros dos setenta, a música galega contaba con outros importantes protagonistas: músicos que ben usaban a lingua galega en exclusiva, ben a alternaban co castelán. Gran notoriedade acadaron OS TAMARA —moi populares pola súa música melódica en castelán, pero tamén por musicar letras de poetas galegos como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro, en álbums como Na fermosa Galicia (1970) ou Miña Galicia verde (1974)—, así como ANDRÉS DOBARRO, auténtico número un nas listaxes de éxitos españolas da época con temas como «O tren» (1969), «Corpiño xeitoso» (1970) ou «San Antón» (1971), case que todos eles con letras de Xabier Alcalá. Outro nome salientable é o de JEI NOGUEROL, con temas como «Señor ministro, por favor» ou «Compañeiro».