PRINCIPIA A NOSA CARREIRA DISCOGRÁFICA
Foi en 1975 cando algunhas discográficas manisfestaron interese polo noso traballo e nos propuexeron asinar un contrato de gravación.
Foi en 1975 cando algunhas discográficas manisfestaron interese polo noso traballo e nos propuexeron asinar un contrato de gravación.
Foi tamén en 1975 cando algunhas discográficas manifestaron interese polo noso traballo e nos propuxeron asinar un contrato de gravación. Ao non contemplarmos nunca tal posibilidade, a decisión ao respecto non foi doada, pois non había unha postura unánime entre os membros da formación. Considerabamos que, inevitablemente, un disco rompería a dinámica do noso labor e mudaría o público ao que maioritariamente nos dirixiamos.
Non obstante, acordamos aceptar a oferta de Philips-Fonogram, xa que, no fin de contas, non había mellor maneira de cumprir o obxectivo de espallar a música galega, de xeito que asinamos un contrato por catro anos e catro discos.
Esta multinacional tiña as súas propias ideas sobre o grupo e a produción dos discos; dende o primeiro momento deixamos claro que non as compartiamos e que, ou ben contabamos con liberdade para gravar como nós queriamos –repertorio en galego coas letras, músicas e arranxos que nós decidiramos–, ou non habería disco. A discográfica aceptou, pero, por temor ao resultado e, entre outras razóns, pola nosa falla de experiencia, puxo como condición ter un representante no estudio de gravación, unha especie de produtor-coordinador. A persoa escollida para este labor foi o músico vasco JOAQUÍN LARÍA, trompetista e pianista recoñecido daquela e posteriormente, ademais de vocalista do famoso grupo TOPOLINO RADIO ORQUESTA, o traballo do cal resultou decisivo na gravación, pois deseguida sintonizou connosco e mesmo colaborou con arranxos nalgúns temas.
O resultado foi o noso primeiro disco, intitulado Fuxan os ventos (1976), que se presentaba así:
Este feixe de cancións non quere ser máis ca o recordo e a dignificación dunha canción popular de hai anos xa, e un esbozo da canción galega de hoxe, que, partindo de formas musicais galegas, non adormente senón que formule a realidade dunha Galicia viva, que por viva canta, pretendendo, polo tanto, ser o reflexo dun pobo que vive uns problemas nun intre crucial e definitivo da súa historia.
Tal declaración de principios abrangue as dúas vertentes musicais galegas do tardofranquismo: por unha banda, o herdo da tradición, co propósito de dignificala, e, pola outra, a asunción da canción de denuncia, fiel reflexo do contexto social e da nosa implicación a prol da loita pola liberdade política e social do pobo, a dignificación do seu idioma e da súa cultura.
Neste traballo contamos coa achega de catro temas de Antón Campelo, integrante da banda folk lucense O Carro, anterior na súa constitución a Fuxan os Ventos pero con gravacións posteriores.
Inclúe 13 cancións que representan todas as vertentes do noso quefacer: ademais da canción que lle dá nome, «Fuxan os ventos», catro temas tradicionais («Canto de cego», «O afiador», «Alalá da pena» e «Miña mai»; dous compostos por Mini («Compañeira» e «O Lelo»); e seis temas con letra de poetas coñecidos. Ademais do lugués Darío Xohán Cabana (autor de «Canción para escribir mañá» e «O Lobo») e de Manuel María (autor de «O Aradiño» e «Labregos»), musicados por Antón Campelo, utilizamos poemas de autores canónicos da literatura galega que abordaron a temática social, coma tal, Celso Emilio Ferreiro, presente con «Irmaus» (con música de Mini), denuncia da situación dos emigrantes forzados a marchar da súa terra por motivos alleos á súa vontade; e Ramón Cabanillas, de quen é «No escuro», texto incluído en Vento mareiro, de 1915, e Da terra asoballada, de 1917, clara crítica do sistema caciquil e o maltrato sufrido por Galicia:
Facendo clic aquí verá un fragmento do tema principal do disco "Fuxan os ventos"
Nas maus, as feridoras
cadeas do foreiro!
Espido, arrodeado
de roxos cans famentos
que con dentes e uñas
gobernan nos meus eidos.
Xa rematada a gravación, resultounos especialmente emotivo contar coa presenza no estudio do propio Celso Emilio Ferreiro, que debía dar o seu prace para poder editar «Irmaus», pois a letra do poema sufrira unha lixeira modificación co pequeno engadido final:
Facendo clic aquí verá un fragmento de "Irmaus" en colaboración con Celso Emilio Ferreriro
Se sentes en pobreza,
se sofres inxustiza,
se cheo de rabexa
encirras á cobiza
do teu peito o can,
para ti, chea de forza,
vai a miña mao, irmán.
O poeta escoitou atentamente o tema, en silencio, con todos nós agardando o seu veredicto. Ao cabo, dixo que lle gustaba moito e autorizou a edición.
Cómpre salientar que neste disco se incorporou a zanfona ao grupo, contribuíndo así á recuperación e difusión dun instrumento moi popular en Galicia na música tradicional da antigüidade, recuperado a mediados do século XX grazas ao traballo de Faustino Santalices.
O éxito acadado por este noso traballo foi considerable, moi por riba das expectativas da discográfica (e das nosas tamén) sobre as posibles vendas, ao se tratar de cancións en galego. A consecuencia inmediata veu dada por un evidente cambio que se plasmou na intensa promoción, con ducias de entrevistas nos medios. Dentro desta promoción edítase o primeiro cartel do grupo, da autoría do artista lugués Ulises Sarry.
Pola nosa parte tamén mudaron moitas cousas: unha área máis ampla de actuacións, que deixaron de restrinxirse tanto ás aldeas e á provincia de Lugo para acoller vilas e cidades de toda Galicia, con grande asistencia de público. Foi tamén neste momento cando empezamos a frecuentar escenarios non habituais ata daquela para un grupo coma o noso: salas de festas e discotecas.
A partir de 1976 comezaron a celebrarse multitude de festivais co título común de «Mostra da Canción Popular Galega». Participamos, loxicamente, en varias: Vigo, Salnés, Chantada…, e tamén na Semana da Canción Galega do colexio San Juan Evangelista de Madrid.
Simultaneamente a estas xiras, principiamos a preparar repertorio para o noso segundo disco, O Tequeletequele (1977), xa que as cláusulas contractuais nos obrigaban a gravar un ao ano. Nel participan os mesmos integrantes do primeiro traballo agás Olga Rodríguez, substituída por Sabela Rodríguez.
En clara continuación co traballo anterior en canto a obxectivos, e de novo coa dirección musical de Joaquín Laría, o disco ábrese co cantar popular «Tempo de mazar o liño», onde aparece como retrouso a onomatopea que serviu para intitulalo. Trátase do ruído (a ritmo de muiñeira) que se producía na maza do liño. A música é tradicional, e a reivindicativa letra foi escrita por nós:
Facendo clic aquí verá un fragmento do tema principal do disco "O Tequeletequele"
Estamos no tempo do tequeletequele,
estamos no tempo de tequelexar,
estamos no tempo do tequeletequele,
estamos no tempo do liño mazar.
A seguir inclúense outras dúas cancións enteiramente tradicionais, resultado da nosa recolleita: «Foliada de Nadela» e «Romance da Rufina»; dúas cantigas compostas por Mini («Unha mao amigo» e «Brazos pra seitura»); dous poemas de Manuel María («O carro» e «Cantiga das Encrobas»), un de Darío Xohán Cabana («Balada dos sete mariñeiros», cos ollos postos nos problemas do mar); e «Cantiga de berce», con letra de Mini e música de Félix Otero, coa lingua e o asoballamento do pobo como cerna.
Unha vez rematada a gravación e a mestura de O Tequeletequele, a autoridade competente encargada da censura, se ben autorizou a edición do disco, non permitiu a inclusión da «Cantiga das Encrobas» pola súa evidente carga de denuncia dos atentados ecolóxicos e a contaminación. Finalmente, a discográfica conseguiu que se incluíse, pero mantívose a prohibición de difundila pola radio e de ser interpretada nos concertos en vivo. E así aconteceu durante un tempo, até que, por petición reiterada do público un concerto tras outro, volvémola cantar.
Despois destes dous discos, prodúcese o abandono de Xosema, Sabela e Tereixa, por discrepancias políticas, aínda que Tereixa había volver ao grupo antes da gravación do disco Sementeira. Mosé Pardo e Ana substitúen a Sabela e Tereixa. Alfonso Fernández substitúe a Xosema.
O 28 de outubro de 1977, tivemos a honra de colaborar e participar estreitamente na gravación do disco Nin rosmar un laído, o primeiro LP de Suso Vaamonde, gravado en directo no Teatro-Cine Veiga de Moaña (foi o primeiro disco galego gravado en directo), xunto con Carlos de Verbas xeitosas e Pilocha. Con el compartimos escenario en ducias de actuacións naqueles anos, sobre todo na provincia de Pontevedra, moitas delas argalladas ou inspiradas por el. Conste o noso grande agradecemento e admiración pola súa achega á cultura deste país.
Como resultado da boa acollida destes dous discos, aumentou considerablemente o número de actuacións que realizamos por toda a xeografía galega. Entre outras moitas, estivemos na I Mostra da Festa dos Mozos de Campolameiro (foi a primeira das catro veces consecutivas nas que participamos), Festa Galiza-Euskadi no Pavillón de Deportes de Santiago…