TEMPOS DE MEMORIA E SOÑOS
En 2002, La Voz de Galicia edita Na memoria dos tempos, un disco que presenta a singularidade de ser posto á venda canda o xornal, a un prezo de 3,95 euros, e que contou coa distribución de máis de 20.000 copias nun só día.
En 2002, La Voz de Galicia edita Na memoria dos tempos, un disco que presenta a singularidade de ser posto á venda canda o xornal, a un prezo de 3,95 euros, e que contou coa distribución de máis de 20.000 copias nun só día.
En 2002, La Voz de Galicia edita Na memoria dos tempos, un disco que presenta a singularidade de ser posto á venda canda o xornal, a un prezo de 3,95 euros, e que contou coa distribución de máis de 20.000 copias nun só día.
O traballo recolle 6 temas, todos eles romances e melodías de cancioneiros tradicionais: «A romeira», tomado do cancioneiro de referencia de Casto Sampedro, cunha estrutura na que prima a repetición e no que mediante os arranxos se introduce a variedade musical; «Foliada de Ribadeo», peza que procede do cancioneiro de Xesús Bal y Gay; «Malveliña», romance recollido por Moncho e Tereixa en Taboada (Lugo); «O cabaleiro», tamén enriquecido cos arranxos para introducir unha maior variedade; e «Ancares», peza recollida en San Román de Cervantes polos alumnos de Antón Castro, con arranxos instrumentais e vocais, e que remata coa foliada de Torrente, do repertorio do señor Cobas, gaiteiro de Conxo, tomada de Xoán Bello Mallou. Así mesmo, o disco inclúe o tema «Danza dos namorados», unha peza instrumental que non ten orixe tradicional, senón que se trata dunha composición de Miguel Lustres.
Ademais desta colaboración, no disco participan tamén como convidados Santiago Cribeiro e Yury Sidar (acordeón), Rodrigo Romaní (arpa), Segundo Grandío (baixo), Oleg Djevelo (clarinete), Anatoli Kadacnikov (contrabaixo), Mikhail Chkil (frauta traveseira), Marcos Galán (óboe), Liñaceira e Xaneco Tubío (pandeiretas), Carlos Castro (percusións) e Cristina Nogueira (violoncello).
Na memoria dos tempos serviu ademais para protestar contra a catástrofe do Prestige, motivo que preside a súa portada, de aí que participásemos no concerto expansivo organizado o 1 de febreiro de 2003 por iniciativa do colectivo dos profesionais da música e no marco de protestas organizadas polas plataformas Burla Negra e Nunca Máis para manifestaren a súa indignación polo acontecido e a pésima xestión do Goberno do Partido Popular. Tal iniciativa consistiu en múltiples concertos simultáneos que tiveron lugar nesa data por todo o país, no que se converteu na xornada musical máis intensa na historia de Galicia: participaron máis de 129 locais e grupos do panorama musical galego. Nós realizamos senllas actuacións en Brión e Bertamiráns.
Meses despois, nese mesmo ano 2003, realizamos unha nova versión do tema «Ancares», desta vez cunha letra máis reivindicativa, que pasou a formar parte do disco Marea de Música: Homenaxe dos músicos galegos aos afectados pola marea negra do Prestige, editado por Boa.
Facendo clic aquí poderá ver a nova versión do tema "Ancares"

Do día 13 de novembro
habémonos acordar,
preto da costa galega
a traxedia volve andar
Toda a costa está de loito,
a morte chega de mouro
e o pobo autoorganizado
protesta no Obradoiro
O noso pobo anoxado
neste mes mouro do inverno
decatouse dunha cousa
«Galiza non ten Goberno».
O pobo cheo de rabia
resposta con valentía
e sae á rúa berrando:
NUNCA MÁIS tanta mentira.
Para gobernar este barco
non nos fan falla patróns
que enchen de merda Galiza
e se van de vacacións.
A este pobo valoroso
xa non lle serve o perdón
e esixe, con dignidade,
do Goberno a dimisión.
De 2007 data a nosa participación no proxecto colectivo Pelo Gato 24, impulsado pola Asociación de Gaiteiros Galegos para divulgar e poñer en valor a cultura tradicional das cantigas e xogos entre os nenos e nenas e os responsables da mediación (pais, nais, docentes). Baixo a produción e dirección musical de Magoia Bodega e Paulo Nogueira, puxémoslles as voces a dous temas: «25 mentiras» e «Pequeniño é».
A xuntanza que celebramos para esta última colaboración de novo resulta fundamental para o noso devir, pois en agosto dese mesmo ano 2007 a Asociación de Gaiteiros Galegos convídanos a pronunciar o pregón da Feira de Artesáns, no marco do Festival de Pardiñas (Guitiriz), no que interpretamos un pequeno repertorio. O éxito acadado nesta actuación, a nosa satisfacción tras o reencontro co público a insistente proposta dun novo proxecto presentado por Noa Díaz, fixo que este callara no que foi Terra de soños. A finais de 2007 escolléronse 28 temas de Fuxan, que foron actualizados e presentados baixo a dirección musical de Xosé Lois Romero, unha banda de músicos profesionais e a colaboración de importantes artistas do panorama musical galego, cos que sempre mantivemos unha estreita relación. Neste proxecto non participou X. L. Freire.
Terra de soños é unha homenaxe aos homes e mulleres que conservaron a cultura popular, aos poetas que crearon textos para o grupo, aos que emprestaron as súas melodías e aos compañeiros e compañeiras que nalgún momento formaron parte da nosa ampla traxectoria.
Asemade, vertebrado sobre a estreita vinculación entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do folk, no espectáculo participaron moitos dos máis destacados músicos do panorama galego: Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón, Pepe Ferreirós, Rodrigo Romaní ou Nova Galega de Danza, que -xunto con Sabela Rodríguez e Miguel Lustres, vellos colaboradores do grupo- achegaron un novo sabor aos nosos clásicos temas. Con respecto á banda, dirixida por Xosé Lois Romero (Nova Galega de Danza; Vaamonde, Lamas & Romero), nela figuraron destacados músicos como Guillerme Fernández, Benxamín Otero, Roi Adrio, Simón García ou o cuarteto de corda Saiva Nova (Fernando Docampo, Iván Novo, Rosalía Vázquez e Sergio Sieiro).
A estrea do espectáculo tivo lugar no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela mediante dous concertos, celebrados os días 18 e 19 de outubro de 2008, que logo se repetiron noutras cidades galegas: Vigo (Castrelos, agosto 2009; Teatro García Barbón, no concerto de Nadal da Universidade de Vigo, decembro 2009), Ferrol (agosto 2009), Lugo (San Froilán, 2009, unha actuación retransmitida en directo por Radio 3), A Coruña (Teatro Colón, dentro do programa do Xacobeo, marzo 2010) e en Ourense (xuño 2010). Na única das grandes cidades onde non fixemos o espectáculo foi Pontevedra, aínda que si tivemos ocasión de cantar varios temas coa banda no festival Queremos galego, o 17 de abril de 2010.
Ademais, a Televisión de Galicia emitiu o espectáculo o 13 de decembro de 2008.
Ao cabo, en outubro de 2009 publicamos o DVD coa gravación en vídeo da actuación completa e o disco cunha selección de temas.