Fuxan os ventos
  • Presentación
  • Historia
  • Compoñentes
  • Discografía
  • Letras
  • Galería
  • Menu Menu
MERGULLADOS NO CONTEXTO DE LOITA E VINDICACIÓN ARRINCAMOS! PRINCIPIA A NOSA CARREIRA DISCOGRÁFICA A NOSA ETAPA DE ASENTAMENTO E ECLOSIÓN UN NOVO SELO DISCOGRÁFICO FORMACIÓN DEFINITIVA UNHA RETIRADA Á PROCURA DE TEMPO E ACOUGO A REAPARICIÓN TEMPOS DE MEMORIA E SOÑOS MÁIS SOÑOS E CANCIÓNS PARA UN PAÍS
  • 1972

     

    MERGULLADOS NO CONTEXTO DE LOITA E VINDICACIÓN

    A nosa historia arrinca no ano 1972, xa que logo, aínda durante a ditadura franquista, nun contexto político dominado pola represión e a presenza ameazante da censura, que impedía o normal desenvolvemento das culturas consideradas non oficiais e, polo tanto, cun idioma arrodeado de prohibicións e limitacións para o seu emprego social e ben lonxe de calquera tipo de normalización. Con todo, tamén na década de 1970 agroman as vindicacións de signo nacionalista, que acollían postulados arredor da necesidade de autogoberno e denunciaban a diglosia lingüística e a falla de normalidade cultural.


    Ampliar información
  • 1972

    ARRINCAMOS!

    No marco deste contexto, o crego Xesús Mato, director do coro feminino do Colexio Menor Santísimo Sacramento de Lugo, convida varios rapaces que cantaban por diversión (entre os que se encontran Geluco Pérez, Xoán Fortes, Xosé Luís Rivas «Mini», Baldomero Iglesias «Mero» ou José Cornide) a unirse ao coro feminino (do que formaban parte Chus Valledor, Tereixa Novo, Conchita Díaz, Mª Carmen Freire, Carmen Vázquez e Ana Couso) para compoñer un coro de voces mixtas. Nese tempo, cantabamos a misa para Radio Popular de Lugo e faciamos algunha actuación.

    En 1972, ao grupo de mozos ocórreselle a idea de formar un grupo folk, e as rapazas do coro xa citadas axiña se suman. Pronto, Conchita e Ana abandonan o grupo primixenio, ao que se suma Paco Nieto. Foi así como naceu unha formación, cuxos compoñentes tiñamos entre dezaseis e vinte anos, en principio sen nome e que ensaia un repertorio de folk internacional, español e galego, sintonizando así coa fórmula da música vocal tan en auxe naquel momento noutros lugares da Península. Con este grupo fixemos algunha actuación, sobre todo por aldeas da provincia de Lugo. A mediados deste ano Chus Valledor e Carmen Freire abandonan o proxecto.

    Ampliar información
     

    1972

  • 1975

     

    PRINCIPIA A NOSA CARREIRA DISCOGRÁFICA

    En 1975 cando algunhas discográficas manifestaron interese polo noso traballo e nos propuxeron asinar un contrato de gravación. Ao non contemplarmos nunca tal posibilidade, a decisión ao respecto non foi doada, pois non había unha postura unánime entre os membros da formación. Considerabamos que, inevitablemente, un disco rompería a dinámica do noso labor e mudaría o público ao que maioritariamente nos dirixiamos.

    Non obstante, acordamos aceptar a oferta de Philips-Fonogram, xa que, no fin de contas, non había mellor maneira de cumprir o obxectivo de espallar a música galega, de xeito que asinamos un contrato por catro anos e catro discos.


    Ampliar información
  • 1978

    A NOSA ETAPA DE ASENTAMENTO E ECLOSIÓN

    Chegamos así a 1978, ano no que sairá ao mercado o noso terceiro disco, Sementeira, o cal supuxo un punto culminante na nosa traxectoria que se traduciu nun maior incremento de actuacións dentro e fóra do país e nun asentamento máis que considerable da nosa presenza social e musical.

    Coma os dous discos anteriores, Sementeira gravouse nos estudios da discográfica Philips-Fonogram en Madrid, no escaso prazo de cinco días, tamén coa dirección musical á cargo de Joaquín Laría. A novidade foi a incorporación de Olga Ceide. Tamén é de xustiza destacarmos que no tema «Melra, melriña», Amable Moscoso, condutor e técnico de son, encargouse de facer o chiar da merla, cun resultado asombroso; a todos os efectos foi un membro máis do grupo naquela época.


    Ampliar información
     

    1978

  • 1979

     

    UN NOVO SELO DISCOGRÁFICO

    Unha vez rematado o compromiso contractual con Philips-Fonogram e, en consecuencia, xa sen a presión de ter que entregar un disco por ano, tomamos a futura gravación con máis calma, unha calma relativa, pois o ritmo de actuacións non decaeu e tampouco a dificultade de concilialas coas obrigas laborais de cada un. Non eran moitas as datas libres de recitais ao longo do ano, e as poucas que quedaban libres aproveitabámolas para ensaios e para ir preparando temas novos.

    Considerando a oportunidade de apoiar unha iniciativa fundamental para un axeitado desenvolvemento da música do país que non nos fixese depender dos intereses comerciais das discográficas de Madrid, desta vez eliximos a discográfica acabada de crear Ruada, S. A., fundada na Coruña en 1979 coa pretensión de normalizar e aglutinar a produción musical do momento, que en dous anos escasos conseguira un amplo catálogo


    Ampliar información
  • 1983

    FORMACIÓN DEFINITIVA

    Malia que, coma fomos indicando, os compoñentes da nosa formación foron variando dende os seus comezos por variadas circunstancias, chegando a pasar polo grupo arredor dunha trintena de persoas, será en xaneiro de 1983 cando se produza a última e definitiva modificación dos integrantes.

    A maior parte dos membros apostaba por unha evolución musical, namentres outros defendían unha liña máis continuísta. Así as cousas, Mini, seguido de Mero, presentes dende os comezos, decidiron abandonar Fuxan os Ventos. Foi, sen dúbida, unha ruptura importante, pois a achega de Mini, sobre todo, foi moi destacada na historia do grupo, tanto pola súa voz coma polas súas composicións.


    Ampliar información
     

    1983

  • 1985

     

    UNHA RETIRADA Á PROCURA DE TEMPO E ACOUGO

    Tras a edición de Noutrora, seguen anos cun frenético ritmo de traballo por mor das múltiples actuacións fóra de Galicia e a apertura cara a novos circuítos. Se ben non acometemos a realización de novos discos, si proseguimos de maneira continuada cos concertos, incorporando novas cancións.

    Nestes anos actuamos nas grandes festas de todas as cidades galegas –en 1983 na Praza da Quintana de Santiago de Compostela con motivo das festas do Apóstolo; en Pontevedra nas festas da Peregrina; na Praza Maior de Ourense; na Praza de Armas de Ferrol; na Praza de Santa María de Lugo no San Froilán; no Festival de Pardiñas; en 1984 e 1985 na Festa do Queixo de Arzúa; no I Encontro de Música Popular de Vilardemouros (1985) en Portugal; en 1986 no Festival Celta do Morrazo e no Festival Folk Terra Chá en Vilalba; en 1987 na festa da Carballeira de Zas, entre outras moitas


    Ampliar información
  • 1997

    A REAPARICIÓN

    A nosa actuación en Lugo en 1997 tivo un peso importante para que nos decidísemos a preparar un novo traballo, para falarmos da posibilidade de volver gravar e valorar temas, e tamén para darmos resposta ante a crecente demanda por parte das discográficas e de diversas entidades solicitando as nosas actuacións.

    A aceptación deste novo reto cristalizou, tras longos meses de traballo, no disco Sempre e mais despois, publicado en abril de 1999, logo de quince anos sen gravarmos, que irrompe en plena eclosión da música folk galega

    Ampliar información

     

    1997

  • 2002

     

    TEMPOS DE MEMORIA E SOÑOS

    En 2002, La Voz de Galicia edita Na memoria dos tempos, un disco que presenta a singularidade de ser posto á venda canda o xornal, a un prezo de 3,95 euros, e que contou coa distribución de máis de 20.000 copias nun só día


    Ampliar información
  • 2010

    MÁIS SOÑOS E CANCIÓNS PARA UN PAÍS

    A partir do espectáculo Terra de soños, continuamos a colaborar en diferentes iniciativas puntuais.

    En 2010 achegamos a canción «Camiño de romaría» ao disco Cantigas do Camiño, un romance anónimo adaptado por Pedro Lucas e musicado por Xoán Fuertes, coas colaboracións de Roi Adrio (percusión), Simón García (contrabaixo) e Benxamín Otero (óboe, corno inglés), e as mesturas de Arturo Vaquero (Abrigueiro Estudios).


    Ampliar información
     

    2010

Coa esperanza posta no futuro, Fuxan os Ventos desexa deixar constancia a través desta web e de todos os eventos que se celebren neste ano do 50 aniversario da homenaxe e recoñecemento aos homes e sobre todo ás mulleres desta terra, sempre custodios e transmisores da nosa cultura popular. Aos e ás poetas, que nos forneceron de marabillosos textos, e aos músicos, que nos emprestaron as súas notas.

Ás asociacións culturais do país, desde as máis grandes e pioneiras até as máis pequenas dos teleclubs das aldeas máis remotas de Galicia, pois axudaron de forma decisiva a acabar de vez co ermo cultural que deixou o réxime franquista, no que até a propia lingua estaba reprimida e, en moitos ámbitos, prohibida. Tamén ás asociacións de veciños e veciñas e ás comisións de festas. Todas elas tiveron unha importancia decisiva no rexurdimento da nosa cultura, e foron, na inmensa maioría dos casos, as grandes promotoras dos nosos concertos por todo o país, logrando así que as nosas/vosas cancións formen parte, dende hai moitos anos, do imaxinario musical de varias xeracións. Os máis novos poden así recoñecerse nelas como parte dun pobo que viviu, e quere seguir vivindo, no idioma, na cultura e no territorio de seu.

O noso agradecemento tamén aos compañeiros e compañeiras que nalgún momento participaron na longa vida de Fuxan os Ventos. Estes 50 anos de vida e xa HISTORIA perténcennos a todos e todas.

© Copyright - Fuxan os ventos
Scroll to top